AGENDA
O sábado 14 de setembro, a Cámara Oficial Mineira de Galicia organiza un roteiro guiado gratuíto ao Pico Sacro, situado entre os concellos de Boqueixón e Vedra (A Coruña). Esta actividade desenvólvese no marco da plataforma Minaría Sostible de Galicia, a través do seu programa MInaTUR, en colaboración coa Xunta de Galicia.
O Pico Sacro e o seu filón de cuarzo supoñen un elemento único da xeoloxía e a minaría en Galicia, pero tamén de grandes obras de enxeñaría, como viadutos de vías de tren e estradas que cruzan o río Ulla. Esta iniciativa ofrece a todos os participantes unha oportunidade única para coñecer un referente do patrimonio xeomineiro galego, da man do xeólogo Eduardo Gómez Clavijo.
A actividade empezará ás 09:45 h. A duración aproximada da visita é de 4 horas. Os asistentes percorrerán 7,3 quilómetros durante o roteiro, considerada de baixa dificultade, alcanzando unha altura máxima de 583 metros sobre o nivel do mar. A visita finalizará no Miradoiro de Gundián, á beira da parroquia de Ponte Ulla.