12 Mai Cen persoas visitaron as Minas da Silvarosa no marco da actividade de divulgación xeolóxica organizada pola COMG
O sábado 11 de maio, un cento de persoas participaron na visita guiada ás antigas instalacións das Minas da Silvarosa, unha iniciativa impulsada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, co apoio do Concello de Viveiro e a Comunidade de Montes de Vieiro, no marco do evento de divulgación xeolóxica ‘Xeolodía’, promovido pola Sociedade Xeolóxica de España (SGE).
Durante á actividade, de 4 horas de duración, os asistentes puideron coñecer de primeira man a historia do xacemento de ferro, que se extende desde Bravos (Ourol) ata Covas (Viveiro), e a orixe do mineral. «É importante que se faga esto para que a xente valore o que temos, que non sexan unhas ruinas que están ahí e non se sabe que significado teñen. Isto tiña un funcionamento, era una empresa que sacaba mineral, pero aparte revitalizou esta comarca», afirmou un dos asistentes á visita guiada.
Desde finais do século XIX e ata 1966, as Minas da Silvarosa foron o lugar de traballo de miles de veciños da Mariña lucense e das comarcas veciñas. «É un espazo e unhas instalacións que temos que conservar e dar a coñecer ás xeracións que veñen», comentou outra das participantes ao finalizar o roteiro. Nestas minas chegaron a estar empregadas ata 500 persoas ao mesmo tempo, o que as convirten nun símbolo do patrimonio mineiro de Galicia.
Podes consultar a reportaxe que elaborou a TVG sobre a actividade na seguinte ligazón.