31 Mar Aprobado provisionalmente o Regulamento para o Réxime Interior da COMG
LA Cámara Oficial Mineira de Galicia acaba de aprobar na Xunta Xeral Ordinaria de 30/03/2016 o seu novo Regulamento para o Réxime Interior. O obxectivo é actualizar a anterior norma, aprobada en 2007, en base á evolución da lexislación de cámaras, como normas de referencia, e mellorar a representatividade dos distintos axentes do sector mineiro, ademais de incrementar a participación dos socios.
As primeiras novidades do regulamento aparecen xa nos artigos 5 e 6, completamente renovados para abordar as funcións da entidade. No novo texto, o artigo 5 establece que lle corresponden á COMG as funcións de carácter público-administrativo legalmente atribuídas; a xestión de servizos públicos ou a realización de labores e funcións que lle asignen, encomenden ou deleguen; e a prestación de servizos aos seus socios.
Pola súa banda, o novo artigo 6 especifica as funcións públicas competencia da Cámara, como a de órgano consultivo dos poder públicos; a expedición de certificacións, valoracións e peritaxes; o fomento do desenvolvemento da industria mineira e do ensino da minería; a creación de bolsas de traballo; a promoción da compatibilidade ambiental, e outras moitas.
Censo Mineiro
Tamén se introduce un renovado artigo 7, que desenvolve o censo de actividades mineiras, para o que se contará coa colaboración das administracións. Neste censo inclúense os dereitos mineiros e instalacións, así como os titulares de dereitos mineiros ou aqueles suxeitos á autorización da Administración mineira.
A consideración dos socios pasa a concretarse no novo artigo 12, de Adscrición. Nel apúntase que serán socios da COMG as persoas e empresas que realicen actividades mineiras en Galicia, incluídas as restauracións e o tratamento de residuos mineiros. Ademais, as persoas e empresas que realicen actividades relacionadas coa minería poderán adquirir voluntariamente a condición de socios, aínda que non estean suxeitas á lexislación mineira.
Segundo este artigo, o censo de socios elaborarase a partir do censo público ao que se refire o artigo 7 e clasificaranse en grupos segundo a actividade mineira que realicen.
Xunta directiva
En canto á xunta directiva, que pasa a definirse no artigo 21 como o órgano permanente de xestión, administración e proposta da Cámara, co novo texto queda establecida nun número de membros que non pode ser inferior a 10 nin superior a 40 e que serán elixidos mediante sufraxio libre e segredo entre todo o electorado da Cámara.
Ademais, a xunta directiva clasificarase en grupos e categorías determinados pola asemblea e a súa estrutura e composición revisarase e actualizarase antes de cada período electoral. Cada categoría dispoñerá dun mínimo dunha vocalía, ao obxecto de garantir a representación de todos os axentes que forman o sector mineiro.
Para o próximo período electoral estableceuse un máximo de cinco vocalías por categoría, asignándose o número de vocalías por categoría de maneira proporcional ao número de socios electores e elegibles por cada categoría, maximizando o número de representantes por cada unha. A excepción está na vocalía de Investigación, que terá unha única vocalía. A estas súmanse as vocalías correspondentes aos vogais cooperantes.
Réximen electoral
O réxime electoral modificarase substancialmente ao obxecto de garantir a transparencia e facilitar a participación. Habilitando o voto electrónico e por correo, ademais de establecer a constitución dunha xunta electoral, coa participación da Administración, que supervisará o proceso.
Réximen económico
No que se refire ao réxime económico, as novidades céntranse nos ingresos, abordados no novo texto no artigo 51 e que especifica os recursos dos que dispón a Cámara para o financiamento das súas actividades, como os ingresos de carácter público, as cotas voluntarias de sostemento, subvencións, achegas, etc.
As cotas de sostemento serán fixadas anualmente pola Asemblea na contía necesaria para cubrir o orzamento de gastos. Como no anterior regulamento o pago destas determinará a condición de elector.
Aprobación definitiva
O novo regulamento será sometido á aprobación definitiva do órgano tutelar, por un período de tres meses. Pasado este tempo, de non recibir resposta, entenderase aprobado.