Aprobadas as contas de 2014 e os orzamentos de 2015

A Cámara Oficial Mineira de Galicia puxo a disposición do público o balance económico da entidade correspondente ao exercicio 2014. As persoas interesadas en acceder a esta información xa poden facelo a través desta web, nas ligazóns situadas na cabeceira da noticia.

A COMG prevé uns ingresos para 2015 superiores aos 152.200 euros, segundo o orzamento aprobado na xunta xeral ordinaria desenvolta o pasado 24 de marzo. Fronte a isto, os gastos previstos representarán pouco máis de 149.000 euros. Este dato representa un descenso do 3% nos ingresos e unha redución do 10% dos gastos respecto aos executados no 2014.

Segundo o orzamento aprobado, o 51% dos ingresos provirán dos convenios coa Xunta para o desenvolvemento de actuacións de interese xeral para o sector mineiro e o mantemento e actualización do Censo Catastral Mineiro de Galicia, cun total de 77.953 euros. O 49% restante recadarase a través das cotas, achegas e da recarga sobre canon de superficie, do que se espera ingresar 24.854,53 euros.

A maior parte das fontes de ingreso manteñen contía con respecto a 2014, cunha lixeira diminución dun 3% dos ingresos, a pesar de non incluír as axudas en seguridade mineira do Ministerio de Industria. Estas axudas o pasado ano supuxéronlle á Cámara uns ingresos de 19.049 euros para o desenvolvemento de accións formativas dirixidas aos traballadores do sector.

En consecuencia, aprobouse un orzamento que aposta pola continuidade, destinando, o máis groso dos gastos ao mantemento de infraestruturas, persoal e servizos da Cámara Oficial Mineira, con 117.607 euros. Esta cifra supón o 77% do total e unha diminución do 10%, respecto a 2014.

COMPROMISO CO SECTOR

A Xunta Xeral acordou manter a contía das cotas, dada a situación económica adversa que estamos a vivir. A decisión proba o compromiso da entidade coas circunstancias do sector.

No ano 2009, a comezos da crise, reduciuse a contía das contas nun 50% de media e mantívose conxelada desde entón, a pesar de súbaa do IPC nestes últimos 7 anos dun 8,7%. As actuais cotas supoñen para os membros un custo media de 432,79 euros ao ano, o equivalente a 1,2 euros ao día.

BALANCE DE 2014

A Xunta Xeral da Cámara Oficial Mineira analizou tamén o balance de 2014, así como as contas de perdas e ganancias e o informe orzamentario do pasado exercicio. O balance reflicte un activo en 2014 de 391.837 euros, case un 17% inferior ao de 2013, cando sumaba 471.948 euros. Deste total, a maior parte correspóndese co inmobilizado, que, con 259.459 euros, representa máis do 66% do conxunto, e o resto, 132.378, co activo corrente.

Polo que respecta ao pasivo, 338.906 euros corresponden co patrimonio neto e 52.930 co pasivo corrente. Preséntase así un fondo de manobra positivo de 79.448 euros, un cociente de endebedamento (débeda total/fondos propios) de 0,54 e un cociente de solvencia (activo real/débeda total) de 2,82, o que mostra a boa situación económica e financeira da Cámara.

PERDAS E GANANCIAS

Canto á conta de perdas e ganancias de 2014, a Cámara Oficial Mineira de Galicia rexistrou o pasado ano un excedente da actividade negativo de13.500,29 euros, fronte ao excedente positivo de 2013, que ascendeu a 12.029,70 euros.

O debullado dos datos indica uns ingresos da actividade propia de 176.069 euros, aos que se sumaron 26.763 euros de subvencións, doazóns e legados de capital traspasados ao exercicio. Pola contra, os gastos de persoal, aprovisionamento e outros de explotación representaron 187.745 euros, aos que se engaden 28.587 de amortización do inmobilizado. O excedente das operacións financeiras foi tamén negativo, con 4.065 euros, cunha redución de case un 40% respecto ao exercicio anterior. Resulta así unha variación negativa do patrimonio neto recoñecida no excedente do exercicio 2014 de 17.565,88 euros, que se liquidou contra os resultados de exercicios anteriores, segundo o acordo da Xunta Xeral.