07 Out A V Edición do Seminario Spertus reúne a prestixiosos expertos do sector da enerxía e as materias primas
O venres 4 de outubro celebrouse a V Edición do Seminario SPERTUS, organizado pola Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo) e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). O evento, dividido en seis sesións de debate e reflexión, contou co apoio e participación dalgunhas das principais institucións e empresas dos sectores da enerxía e os recursos naturais minerais en España e Portugal.
O Paraninfo da Universidade de Vigo acolleu este encontro, inaugurado por representantes das catro entidades organizadoras: Juan Ricoy Alonso, por parte da COMG; Elena Alonso Prieto, directora da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da UVigo; Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia; e Luis Varela Cabo, Presidente Fundador de SPERTUS e Delegado Reitor da USC.
O seminario comezou coa conferencia de Emiliano López Atxurra, presidente de Petronor, á que seguiu a primeira mesa redonda, na que os asistentes puideron reflexionar sobre a política enerxética, os recursos minerais e a sustentabilidade. Neste debate, moderado por Pablo Fernández Vila, participaron Jesús Lago, presidente de ATIGA; Jorge Cristino, CEO de Get2C; e Jesús Portillo, director xeral de Minas da Junta de Andalucía.
A xornada continuou coa celebración das seguintes mesas redondas: ‘Recursos e proxectos ibéricos’, ‘Retos e oportunidades da industria’, ‘Ciencia e tecnoloxía’, ‘Seguridade e independencia enerxética’ e ‘Impacto social e económico da transición’; todas elas constituídas por prestixiosos científicos e tecnólogos do sector enerxético e das materias primas.
SPERTUS é unha plataforma de debate e reflexión que busca, polo tanto, debater e potenciar a creación de coñecemento no ámbito das tecnoloxías e infraestruturas de produción, transporte e almacenamento de enerxía, satisfacendo as necesidades do tecido empresarial, en particular no ámbito das enerxías renovables, o hidróxeno verde e a mobilidade eléctrica.