16 Out A directora da COMG acudiu ao MMH 2024 para recoller o Premio Minería y Vida outorgado á plataforma MSG
A directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Arantxa Prado, estivo presente no Mining and Minerals Hall 2024 (MMH), celebrado entre o 15 e o 17 de outubro en Sevilla, para recoller o primeiro premio na categoría de ‘Entidade privada destacada pola súa innovación e comunicación en materia de sustentabilidade’, outorgado pola Fundación Minería y Vida á plataforma Minaría Sostible de Galicia (MSG).
A plataforma, unha iniciativa da COMG, foi galardoada, no marco da primeira edición dos Premios Nacionais Minería y Vida, pola súa contribución á promoción do sector mineiro a través da investigación e a divulgación. Desde a súa creación, en 2018, MSG desenvolveu múltiples proxectos co obxectivo de promocionar a industria de forma sostible, como a posta en marcha de 12 eventos e talleres; a elaboración de 54 guías, libros e vídeos para escolares e docentes; ou a organización de 30 roteiros xeolóxicos e de patrimonio mineiro; entre outros.
A quinta edición do MMH, a gran cita europea da minaría, foi o escenario para a entrega deste recoñecemento. Baixo o lema ‘MMH 2024: Punto de encontro cara a un futuro sostible’, o evento busca abordar a sustentabilidade na industria mineira, destacando o papel fundamental das materias primas na transformación cara a unha economía verde e sostible.
O encontro, que logrou reunir ás maiores empresas do sector mineiro a escala internacional, está organizado por AMINER (Asociación de Empresas Investigadoras, Extractoras, Transformadoras Mineiro-Metalúrxicas e Auxiliares e de Servizos) xunto con FIBES e promovido pola Junta de Andalucía, coa colaboración de Cominroc (Confederación Española de Industrias Extractivas de Rocas e Minerais Industriais).