26 Xuñ A COMG valora positivamente que un proxecto mineiro, o liderado por Cobre San Rafael, se declare como estratéxico para Galicia por primeira vez
- A Xunta de Galicia declarou PIE (Proxecto Industrial Estratéxico) o proxecto para a produción de cobre galego na mina de Touro-O Pino presentado pola empresa Cobre San Rafael, que é membro da COMG.
- A COMG reitera o seu apoio a todos os proxectos que teñan como obxectivo a exploración e o aproveitamento dos recursos naturais en Galicia de forma sostible e compatible co resto das actividades da contorna.
- A recente aprobación da Lei de Materias Primas Críticas busca reforzar a autonomía dos países europeos na extracción de materias primas, entre as que está o cobre, reducindo a súa dependencia de países extracomunitarios.
A Coruña, 26 de xuño de 2024.- A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) valora positivamente que a Xunta de Galicia declarase PIE (Proxecto Industrial Estratéxico) o proxecto para a produción de cobre galego presentado pola empresa Cobre San Rafael, que é membro da Cámara. É a primeira vez que o goberno galego declara estratéxico un proxecto mineiro, o que representa un punto de inflexión positivo para a comunidade.
Recentemente, a COMG, como representante da minaría en Galicia, solicitou á administración autonómica a actualización dos dereitos mineiros e o impulso dos concursos mineiros de investigación, que permitan coñecer os recursos cos que conta o territorio. Esta petición foi atendida polo executivo galego, que analizará máis de 200 dereitos mineiros caducados.
Nesta liña, a COMG valora positivamente a declaración de PIE en Galicia, especialmente se proceden da industria mineira e teñen como obxectivo o aproveitamento de recursos naturais autóctonos de forma segura e sostible, a través de prácticas respectuosas co medio ambiente que garantan a estabilidade ambiental e social, asegurando a súa compatibilidade co resto das actividades que se realizan na contorna.
A COMG subliña que a declaración de PIE do proxecto de Cobre San Rafael para a mina de Touro-O Pino está aliñada coa recente aprobación da Lei europea de Materias Primas Críticas, que busca reforzar a soberanía e a competitividade dos Estados membros, reducindo a dependencia de países extracomunitarios para a obtención de materias primas críticas. Esta acción é un novo paso para que Galicia explore o seu potencial e poida converterse en líder europeo na extracción de minerais estratéxicos, como é o cobre, e desenvolva todo o seu potencial industrial.
Sobre a Cámara Oficial Mineira de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) é un órgano consultivo que representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia. Reúne nunha mesma entidade os intereses públicos e privados para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos dunha forma sostible e maximizar o seu beneficio para a sociedade. Está formada por todas as persoas físicas ou xurídicas que realizan actividades destinadas á investigación e o aproveitamento dos recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe ou estado físico, desde o seu coñecemento ata a súa posta en valor.