Liderado empresarial e deporte

A COMG reúne a tres líderes empresarias con motivo do seu Centenario para debater sobre o futuro do rural galego

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) pon en marcha, como parte dos actos conmemorativos do seu Centenario, unha iniciativa para crear espazos de diálogo sobre o pasado, presente e futuro de Galicia. Os ‘Encontros polo Centenario da COMG’ buscan poñer en valor o talento e liderado presentes en Galicia, especialmente en ámbitos relacionados cos recursos naturais; e plasmar a riqueza do territorio galego, conectando tradición e innovación, patrimonio e industria, cultura e investigación. Todo iso no contexto da celebración dun importante fito para a Cámara: os cen anos da súa fundación.

Neste contexto, a COMG organiza o encontro ‘Liderado empresarial e deporte’, que terá lugar o venres 4 de xullo, entre as 10:00h. e as 11:30h., na Sede Afundación Santiago de Compostela. Este evento reunirá a tres líderes empresarias, Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence e do CB Breogán; Lupe Murillo, directora xeral de Pescamar e do Pontevedra CF; e Arantxa Prado, directora da COMG e empresaria no ámbito do deporte, para conversar en torno a súa dobre faceta de líderes, no ámbito empresarial e deportivo, así como tamén sobre a importancia da súa actividade á hora de xerar valor sobre o territorio en Galicia. Leticia García Chas, xornalista de COPE, será a encargada de conducir a charla.

Coa celebración deste coloquio, a Cámara busca ofrecer aos asistentes unha oportunidade para coñecer, da man de tres voces protagonistas, a importancia do sector primario para o desenvolvemento socioeconómico e a fixación de poboación nas zonas rurais. Do mesmo xeito, a conversa pretende reflexionar sobre os diferentes tipos de liderado e a súa influencia á hora de atraer talento ao rural e de construír unha Galicia con futuro. Este evento é o segundo do ciclo ‘Encontros polo Centenario da COMG’, tras a celebración da xornada ‘Galicia en pedra: arte e oficio’, o pasado mes de xuño, no marco da feira STONEGAL.

As persoas interesadas en asistir ao encontro poden inscribirse no seguinte formulario.