A COMG participou no foro de debate do Libro Verde da Gobernanza da Auga en España

A COMG participou no foro de debate que tivo lugar o pasado mes de marzo en Santiago de Compostela, en relación coa iniciativa do “Libro Verde de la Gobernanza del Agua en España”, impulsado desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O obxectivo do proceso de elaboración do citado Libro Verde busca abrir espazos de diálogo coas administracións competentes no ámbito local, autonómico e estatal e coas partes interesadas nos distintos territorios para recabar opinións en relación coas disfuncións do modelo de gobernanza vixente e propostas de mellora.

Ao longo dos meses de marzo e abril de 2019, leváronse a cabo foros territoriais en distintas Comunidades Autónomas, cuxo resultado foi a identificación de 12 eixos temáticos prioritarios nos que propor reformas específicas de gorbernanza.

A asistencia a estes foros territoriais foi por invitación, elaborándose para cada Comunidade Autónoma unha base de datos cos principais axentes sociais implicados na xestión da auga no territorio.

O foro que se levou a cabo en Galicia consistiu nun taller que se dividiu en tres partes: benvida e presentación, validación dos eixos temáticos e proposta de medidas. O resultado deste debate resultou na suxerencia dos seguintes eixos:

  • Contaminación.
  • Impacto ambiental (incluíndo temas de contaminación, sustentabilidade…).
  • Xestión das augas residuais (p.e. fomentar a creación de sistemas de canalización separativos).
  • Novos recursos (desaladas, reutilizadas…).
  • Educación e formación sobre o uso da auga.
  • Usos industriais, ciclo industrial e produción de enerxía.

A partires das propostas recabadas, expertos en cada un dos eixos elaborarán informes nos que se desenvolverán as principais propostas de reforma de gobernanza que emerxeran do proceso de consulta e se consideren máis relevantes para promover o proceso de transición.

Os informes temáticos serán a base do segundo ciclo de foros territoriais que se levará a cabo en xuño de 2019 e nos cales se recabará a opinión dos actores estratéxicos sobre as propostas desenvolvidas.

Tanto a diagnose inicial, como as propostas e os comentarios ás mesmas serán incluídos no Libro Verde de la Gobernanza del Agua en España que servirá de base para informar sobre futuras actuacións e reformas políticas e lexislativas dos diferentes axentes que interveñen na xestión da auga.