Exposicion tesouros da terra ourense_1

A COMG inaugura en Ourense a exposición ‘Tesouros da terra’

O martes 17 de xuño, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) inaugurou en Ourense, como parte dos actos conmemorativos do seu Centenario, a exposición urbana itinerante ‘Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo’, que percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia a través de oito paneis divulgativos. A mostra, que ven de estar exposta na cidade da Coruña, estará dispoñible para a súa visita na Avenida de Pontevedra ata o 1 de xullo.

No acto de inauguración estiveron presentes o Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o Subdirector Xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, Diego Casal; o deputado provincial Rosendo Luis Fernández; e o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Ourense, Francisco Lorenzo. Por parte da COMG, asistiu a presidenta, Cecilia Trancón, así como outros membros da entidade.

Durante a súa intervención, a presidenta da Cámara destacou “o liderado da provincia de Ourense no aproveitamento das augas mineromedicinais, converténdose nun dos principais destinos en Europa para o turismo termal”. Tamén quixo facer unha mención especial á lousa, motor económico en comarcas como a de Valdeorras, “onde contribúe a xerar emprego de calidade, fixar poboación no rural e impulsar a extracción sostible dos recursos naturais”. A presidenta tamén quixo subliñar o obxectivo da exposición: “Facer partícipe á sociedade galega da historia, o presente e o futuro da minería, para que coñezan o impacto positivo que ten nas súas vidas e na comunidade en xeral”.

A actividade mineira: testemuña da evolución de Galicia

A exposición ‘Tesouros da terra’ reflicte a historia da minería en Galicia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, ata a actualidade, trasladando o seu importante papel na transformación da economía e a cultura da rexión. A través de oito tótems divulgativos, a mostra explora as distintas etapas da actividade mineira na comunidade, que comezou coa minería aurífera nos séculos I e II, cando Galicia, antes Gallaecia, recibiu o seu nome por mor das súas abundantes minas de ouro.

Exposicion tesouros da terra ourense_2 1

A mostra tamén destaca a relevancia dos diferentes subsectores da minería, como a lousa, motor da economía na comarca ourensá de Valdeorras; ou as augas mineromedicinais, un dos recursos mellor valorados polas súas propiedades terapéuticas, en cuxo aproveitamento Ourense é líder; entre outros.

Por último, a exposición repasa os principais fitos da Cámara Oficial Mineira de Galicia desde a súa fundación, en setembro de 1925, coa misión de unir as voces de quen traballaba no subsolo galego, ata a actualidade.

Cen anos da Cámara Oficial Mineira de Galicia

Con motivo do Centenario da Cámara Oficial Mineira de Galicia, a entidade representante do sector industrial dos recursos minerais na comunidade levou a cabo unha renovación da súa imaxe corporativa. O novo logo busca transmitir, a través dun símbolo que integra as siglas principais do órgano (CM) e un identificador que inclúe a denominación oficial da Cámara, o concepto de “usar a riqueza que emana da nosa terra para crecer”.

A nova imaxe da entidade tamén incorpora o selo do Centenario, cun símbolo e lema propios: “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”. Esta renovación pretende conmemorar un fito de gran valor para a Cámara, como é a celebración dos seus cen anos de vida, dando visibilidade ao seu papel como axente impulsor do desenvolvemento económico, industrial e social de Galicia. Do mesmo xeito, busca reflectir a riqueza do territorio galego e a súa capacidade para exercer como motor do crecemento industrial na comunidade.