Asamblea anual comg 2025

A COMG celebra a súa Asemblea Ordinaria de 2025, o ano do Centenario da entidade

O xoves 3 de abril, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) celebrou a súa Asemblea en sesión ordinaria de 2025 na Finca da Rocha (Santiago de Compostela). Antes do inicio, os asistentes gardaron un minuto de silencio polo falecemento de cinco mineiros na mina asturiana de Cerredo. O encontro foi conducido pola presidenta da COMG, Cecilia Trancón; a directora, Arantxa Prado; e a responsable da Oficina Técnica, Irene Pérez.

Tras o cumprimento da Orde do Día, tivo lugar o relatorio ‘Andalucía mineira: terra de oportunidades’, a cargo de Jesús Portillo García-Pintos, Director General de Minas da Junta de Andalucía, quen repasou as principais cifras que reflicten o peso do sector na comunidade. Tamén trasladou as principais preocupacións da industria mineira en Andalucía e remarcou o compromiso da administración autonómica co impulso do seu desenvolvemento.

A continuación, comezou o segunda dos relatorios, ‘Galicia: necesidade dun paso máis’, a cargo de Pablo Fernández Vila, Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, quen falou da situación actual da minaría na comunidade galega, os proxectos en desenvolvemento e o crecemento do sector con respecto ao ano anterior. Tamén puxo en valor a Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia 2030, lembrando que a colaboración público-privada é fundamental para o seu correcto desenvolvemento. Do mesmo xeito, destacou o importante papel da Cámara Oficial Mineira de Galicia como representante do sector na comunidade, ao mesmo tempo que felicitou á entidade pola celebración do seu Centenario. Para concluír, valorou positivamente o recoñecemento de proxectos mineiros estratéxicos para a Unión Europea.

Durante a xornada, os participantes compartiron posturas sobre a situación do sector mineiro en Galicia e Andalucía, ambas comunidades situadas nos primeiros postos en valor de produción a nivel nacional (Andalucía ocupa o primeiro, e Galicia, o cuarto), destacando a súa importancia para fortalecer as cadeas de valor e garantir a subministración de materias primas en Europa. Tamén incidiron sobre a necesidade de minimizar riscos; garantir a circularidade e a sustentabilidade; e alcanzar a aceptación social.