A poboación compostelá xa pode descubrir o repaso polos 2.500 anos de historia da minería coa instalación da exposición ‘Tesouros da Terra: a minería galega a través de tempo’ no Parque da Alameda.
No caso de Santiago de Compostela, a construción da Catedral de Santiago, iniciada en 1075, representa o exemplo máis emblemático da riqueza mineral compostelá. Estudos recentes demostraron que o granito de gran groso dos arcos e paredes procedía das canteiras das parroquias de Conxo e Vidán, mentres que o granito de gran fino que permitiu o exquisito labrado do Pórtico da Gloria, obra do Mestre Mateo, procedía das canteiras de Vrins e Eirapedriña, no concello de Ames, xacementos que os veciños coñecían tradicionalmente como “a Canteira da Catedral”.
A vinculación entre a minería e o Camiño de Santiago tamén quedou gravada na historia, como recolle o Códice Calixtino ao relatar que os peregrinos medievais transportaban pedras de caliza desde Triacastela ata os fornos de cal de Castañeda (Arzúa), que abastecían directamente as obras da Catedral. Ademais do granito, mármore, alabastro e caliza utilizados na estrutura, os pigmentos minerais empregados para pintar o Pórtico da Gloria incluían compostos de chumbo, mercurio, cobre, ouro e prata, moitos deles procedentes de minas de preto da cidade. Esta rica tradición mineira consolida a Santiago de Compostela como un territorio onde os recursos xeolóxicos configuraron tanto a arquitectura monumental como a identidade cultural da cidade ao longo dos séculos.
No acto de inauguración estiveron presentes subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, Diego Casal; e por parte da Cámara, asistiron membros da Xunta Directiva, como o director de minería de RDG e a directora da COMG, Arantxa Prado, acompañada pola responsable da Oficina Técnica da entidade, Irene Pérez.
A mostra, que é parte das accións de celebración do Centenario da Cámara Oficial Mineira de Galicia, poderá visitarse ata o 23 de outubro na cidade compostelana.