
06 Mai O uso da IA no sector dos áridos, protagonista do webinar organizado pola OIPE e ARIGAL
O martes 6 de maio, celebrouse o webinar ‘Retos e oportunidades na transformación dixital do sector dos áridos’, organizado pola Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE) da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), da man da Asociación Galega de Áridos (ARIGAL). A presentación da xornada correu a cargo de Arantxa Prado, directora da COMG, e Sara López, responsable da OIPE, quenes introduciron o panorama actual do sector dos áridos.
A continuación, Aitor Puente, director de ARIGAL, presentou os retos e perspectivas da dixitalización no sector dos áridos en Galicia. Destacou sete retos principais: novos desenvolvementos tecnolóxicos, utilización de GPS e modelización, uso de drons en restauracións ambientais, automatización de voaduras e machaqueo, xestión e control de procesos produtivos, optimización mediante machine learning, e seguridade de datos.
A seguinte intervención foi a de Javier Martínez, profesor titular da Universidade de Vigo e Advisor & Partner en Possible, quen se centrou na aplicación da intelixencia artificial (IA) na industria, salientando o seu impacto na eficiencia operativa e a experiencia do usuario. Tamén falou sobre a importancia de adaptarse ás novas tecnoloxías; desenvolveu os diferentes tipos de intelixencia artificial, destacando a IA non xenerativa e a xenerativa, e as súas aplicacións en diversos sectores, incluíndo a minería e os áridos; e describiu un proxecto de clasificación automática de placas de lousa utilizando IA, que mellorou a eficiencia sen substituír completamente aos traballadores humanos. Ademais,mencionou outros proxectos no sector mineiro, como a determinación do volume de pilas de provisión e a detección de anomalías acústicas, salientando a importancia da multidisciplinariedade e a colaboración entre expertos do sector e analistas de datos.
Por último, Alex Varoli, district Manager Iberia & Italy de Weir, presentou unha solución práctica de intelixencia artificial chamada Belt Metrics para a industria de áridos. O sistema utiliza cámaras e sensores nas cintas transportadoras para analizar en tempo real a granulometría, volume e perfil de carga do material, proporcionando información valiosa para optimizar a produción e reducir custos. Destacou tamén os beneficios do sistema, incluíndo a detección temperá de problemas, a mellora da eficiencia e a redución de tempos de inactividade, presentando un caso de estudo onde Belt Metrics axudou a unha canteira para mellorar significativamente a súa produción de áridos para asfalto.