05 Dec A COMG celebra a XVII Edición dos Premios Santa Bárbara co foco posto no importante papel da minaría galega en Europa
- O sector mineiro celebrou os Premios Santa Bárbara nos que outorgou o galardón Minaría Sostible a Endesa polo Proxecto de Restauración Ambiental da Mina de As Pontes.
- O acto contou coa participación de Pablo Fernández Vila, Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, que avanzou “un concurso de dereitos mineiros nas próximas semanas”.
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2024. – A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) vén de entregar en Santiago de Compostela os Premios Santa Bárbara, nunha xornada que reuniu á comunidade mineira galega con motivo da celebración da festividade da súa patroa.
Cerca dun centenar de asistentes participaron na décimo sétima edición dos premios, entre eles, representantes da Administración autonómica, de organismos oficiais e de empresas mineiras.
Durante a súa intervención, Cecilia Trancón, recentemente elixida presidenta da COMG, puxo en valor o papel tan importante que a minaría ten en Europa para asegurar o acceso a recursos esenciais para a transición ecolóxica e dixital. “Necesitamos minaría en Europa, necesitamos non depender doutros países, necesitamos unha minaría de calidade, respectuosa co medio ambiente e sostible”, destacou Trancón. “Sen a minaría non habería edificios, infraestruturas, transporte nin tecnoloxía”, engadiu.
Con respecto á tramitación de proxectos, como o de Cobre San Rafael, que está no período de exposición pública, a presidenta sinalou que “desde a Cámara Oficial Mineira de Galicia seguirase a defender a actividade do sector na nosa comunidade e apoiaranse aquelas iniciativas mineiras que cumpran todos os requisitos legais, técnicos, ambientais e sociais que nos marcan todos os regulamentos, disposicións e leis específicas. Apoiaremos todos os proxectos, grandes e pequenos, porque no sector mineiro non queremos favores, só un marco legal ben definido”.
Ademais, Trancón fixo referencia ao Centenario da COMG, que se celebrará durante o vindeiro ano 2025: “Unha celebración que nos permitirá reflexionar sobre a nosa transcendencia, o noso impacto na sociedade e o valor que a minaría aportou e aporta a Galicia”, indicou.
Pola súa banda, Pablo Fernández Vila, Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, destacou que a sociedade xa está a tomar conciencia da importancia da minaría para conseguir unha economía descarbonizada e dixitalizada. Indicou, ademais, que “desde a Xunta aspiramos a converter o sector mineiro nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial”.
“Vimos dun ano no que se aprobou a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que fagan uso dos recursos naturais de Galicia, que pretende garantir a riqueza social e económica para os territorios onde se implanten proxectos, como poden ser os mineiros”, engadiu Pablo Fernández Vila.
O Director Xeral sinalou tamén que, co obxectivo de impulsar a investigación de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía de cara ao seu futuro aproveitamento, desde a Administración Pública “anunciamos a mediados de ano un Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros de Galicia e un paso moi importante deste plan será a convocatoria dun concurso de dereitos mineiros nas próximas semanas”.
Os premios Santa Bárbara 2024
- O premio Minaría Sostible recaeu sobre Endesa, pola restauración ambiental da mina de As Pontes. Ata 2007 foi unha mina de lignito que trouxo prosperidade á rexión e enerxía a gran parte de España. Desde a súa inauguración, en 2012, As Pontes segue a ser un importante exemplo de restauración ambiental, estudado a nivel internacional. O que antes foi a maior explotación mineira a ceo aberto de España é hoxe o maior lago artificial de Europa, unha praia de bandeira azul, un encoro de auga doce e un enclave natural. A COMG destaca que é unha infraestrutura económica de gran valor na que se están proxectando plantas de bombeo reversibles e unha planta de hidróxeno verde.
- O premio Comunicación foi outorgado a Mario Beramendi Álvarez, xornalista especializado en Economía e Política, redactor de La Voz de Galicia desde 1999. Durante os últimos anos, o seu traballo destaca pola súa labor de cobertura do sector mineiro de Galicia con criterio, rigor e profesionalidade, ademais de reflexar o valor da minaría sostible na comunidade.
- O premio Traxectoria recaeu sobre Joaquín Ruiz Mora, enxeñeiro cunha longa traxectoria no sector mineiro galego. Destaca polo seu coñecemento da minaría metálica e por estar presente en moitos dos proxectos mineiros de Galicia.
Premio da Fundación Minería y Vida á plataforma Minaría Sostible de Galicia
O acto da Santa Bárbara da COMG tamén destacou á plataforma Minaría Sostible de Galicia, posta en marcha no ano 2018 co obxectivo de mellorar a percepción e reputación do sector mineiro galego.
Esta plataforma recibiu o pasado outubro o primeiro premio na categoría ‘Entidade privada destacada pola súa innovación e comunicación en materia de sostibilidade’ na primeira edición dos Premios Nacionais Minería y Vida. Esta distinción, entregada no Mining and Minerals Hall 2024 en Sevilla pola Fundación Minería y Vida, é o recoñecemento á calidade e relevancia deste proxecto dentro do sector.
Sobre a Cámara Oficial Mineira de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) é un órgano consultivo que representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia. Reúne nunha mesma entidade os intereses públicos e privados para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos dunha forma sostible e maximizar o seu beneficio para a sociedade. Está formada por todas as persoas físicas ou xurídicas que realizan actividades destinadas á investigación e o aproveitamento dos recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe ou estado físico, desde o seu coñecemento ata a súa posta en valor.