17 Set A COMG presentou a plataforma Patrimonio Xeomineiro de Galicia no XX Congreso Internacional da SEDPGYM
A Cámara Oficial Mineira de Galicia estivo presente no XX Congreso Internacional sobre Patrimonio Xeolóxico e Mineiro, organizado pola Sociedade Española para a Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro (SEDPGYM), da que a COMG é socia, os días 16 e 17 de setembro en Madrid.
A responsable da Oficina Técnica da COMG, Irene Pérez Cáceres, presentou a plataforma Patrimonio Xeomineiro de Galicia, unha iniciativa de Minería Sostible de Galicia, a través dunha charla titulada ‘Roteiros mineiros: desde a Prehistoria ata a Idade Moderna’, na que se levou a cabo un percorrido polos diferentes roteiros dispoñibles e os casos de éxito máis recentes. A presentación foi moi ben recibida entre os asistentes e propuxéronse novas formas de colaboración, para incorporar máis roteiros e puntos de interese.
Algúns dos casos de éxito citados foron a visita guiada aos cargadoiros de mineral de Rande e Coto Wagner, na Ría de Vigo, realizada en agosto pola COMG; e o roteiro das Minas da Silvarosa, en Viveiro, que, tras organizalo desde a Cámara con éxito de asistencia (120 estudantes e 250 adultos), varios técnicos de turismo da zona están a levar a cabo pola súa conta.
Durante o encontro expuxéronse diferentes iniciativas de patrimonio xeolóxico e mineiro que se están a desenvolver por toda a xeografía española, así como tamén novos resultados de investigacións científicas neste campo.
Ademais, no marco do Congreso, o domingo 15 de setembro organizouse unha visita guiada ao museo O País da Prata de Hiendelaencina e á canteira restaurada da Chanta.