AGENDA
A fin de semana do 11 e 12 de maio volve o Geolodía, o gran evento anual de divulgación xeolóxica, coordinado pola Sociedade Xeolóxica de España (SGE) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e varias decenas de institucións e empresas.
Neste contexto do Geolodía, na provincia de Lugo, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, co apoio do Concello de Viveiro e da Comunidade de Montes de Viveiro, organiza unha visita guiada ás antigas instalacións das Minas da Silvarosa. A excursión, que se celebrará baixo o nome “Do ferro Ordovícico ás Minas da Silvarosa: o patrimonio xeomineiro de Viveiro”, será gratuíta con prazas limitadas. Será necesaria a inscrición previa nesta ligazón ou a través do teléfono 635 559 698 (en horario de oficina).
Debido ao éxito no número de inscricións en edicións anteriores, organizáronse dúas quendas de actividade, unha ás 10:00h e outra ás 16:00h, cunha duración estimada de 4 horas cada unha, onde se explicará e poñerá en valor a orixe do mineral e a historia destas minas de ferro.