05 Feb Pepe Araújo, un mito do granito galego
José González Araújo, recentemente defunto, era moi coñecido no sector do granito, debido a que, traballou durante 60 anos nel. Dos que 49 traballou na empresa Ramilo S.A., da que máis adiante chegou a ser xerente durante 22 anos. Posteriormente, traballou en beneficio do sector no ámbito asociativo.
Ademais, foi presidente da Asociación de Empresarios de Canteiras de Rocas Ornamentais de Pontevedra; xerente da Asociación de Canteiras de Galicia; membro da Xunta Directiva da Federación Española da Pedra Natural e da ANGE, secretario da Federación Galega do Granito e vicecoordinador da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia. A maiores, colaborou na creación da actual Agrupación industrial do Granito.
Pepe Araújo, foi tamén o presidente do Sindicato da Construción, Vidro e Cerámica; así como presidente da Asociación Provincial de Mutualidades Laborais; concelleiro e tenente de alcalde en Vigo, e Deputado Provincial.
Completou a súa etapa co granito no seu libro, O Granito de Galicia e a súa historia. Grazas á historia que conta no libro, coñécese a utilización do granito pulimentado nas columnas que soportan a cúpula da Fonte de Gándara en Mondariz.
Aínda que se xubilou no 2007, seguiu mantendo unha relación estreita coas empresas, as institucións representativas e as persoas deste sector. Grazas a persoas coma el, o granito galego obtén un posicionamento significativo dentro e fóra das fronteiras galegas.