felipe-macias-defensa

Felipe Macías defende os seus informes sobre a mina de San Finx e a mina de Touro

O profesor emérito e catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Felipe Macías, saíu este mércores ao paso das críticas vertidas por parte de varias asociacións contra os proxectos mineiros de Touro e San Finx.

Macías conta cunha traxectoria de 49 anos na docencia e na investigación. Unha extensa carreira na que foi profesor de máis dunha ducia de materias, entre elas Xeoloxía, Edafoloxía (ciencia do solo) e de Avaliación de Impactos Ambientais.

Macías tamén ocupou un gran número de cargos administrativos nos ámbitos agrícola, forestal e edafolóxico. Así mesmo ten acadado un gran número de premios e recoñecementos a nivel internacional, e na actualidade é membro electo de l’Académie d’Agriculture, Alimentation et l’Environnement de Francia desde 2005; mentres que desde 2010 é membro de honra da Sociedad Española de Ciencia del Suelo.

“Esta traxectoria docente variada permitiume levar a cabo a investigación do medio en Galicia e axudar a resolver os problemas trasladando os coñecementos científicos á nosa realidade social”, expuxo Macías, que resaltou o seu traballo internacional en restauracións mineiras en Canadá, México, Perú e Arxentina, ademais das levadas a cabo en España. “Traballei co meu equipo na restauración da mina das Pontes, desde o seu inicio ata a conversión no lago, que é un exemplo a nivel mundial. Levo investigando en Touro desde 1978, así como en explotacións de toda España. Modestamente, penso que non hai quen de darme leccións de recuperación de solos mineiros degradados”, salientou.

É por iso que o profesor emérito expuxo que o “comportamento” dos que o critican é típico de “propagandistas” que subestiman, apuntou, o potencial tecnolóxico existente en Galicia e sobreestiman perigos que non son reais.

O informe da mina de Touro

Na súa intervención, Macías aclarou os dous puntos postos en dúbida do seu estudo da mina de Touro: o risco sísmico e o risco de inundación. Macías afirma que o risco sísmico foi descartado do estudo de impacto ambiental porque o Instituto Geológico y Minero de España cualifica a Galicia como “unha rexión estable sismicamente, polo que non hai necesidade de contemplar este risco. Os que falan da sismoloxía de Galicia poñendo como exemplo Chile, están moi equivocados”.

En canto ao risco de inundación, Macías aclarou que tamén se tivo en conta a climatoloxía galega á hora valorar este perigo, que se descartou e “tras 20 anos a balsa de lodos de Touro segue impertérrita”. “Hai que facer unha análise de riscos de cousas que realmente poidan producirse e que teñan en conta os datos dos que dispoñemos“, sinalou Macías.

O informe de San Finx

En canto ao caso de San Finx, Macías especificou que nesa zona de Galicia existe unha “litoloxía especial”, xa que está formada por codia oceánica, que aumenta a prevalencia de metais pesados e sostivo que a Administración “debe ter normas diferentes” para adaptarse a este tipo de casos. Así, destacou que nos seus estudos sobre a calidade da auga hai unha maior concentración de metais que noutras zonas de Galicia, pero que se deben á situación orixinal da terra e non ao impacto que tivo sobre a actividade mineira: “Hai mina porque hai metais, non ao revés”.

Macías explicou tamén o estudo xeoquímico que levou xunto co seu equipo na mina de San Finx e na súa contorna: “Nas inmediacións da mina de San Finx hai augas de ácidas a neutras, non hai augas hiperácidas nin ácidas de mina, polo que presentan un pH de orde de 5 a 6”. O profesor emérito da USC acusou a algunhas asociacións de “multiplicar por 2.000” o número máximo de partes por millón de metais propostos nos seus informes e cre que estas accións están dirixidas a “promover pánico e medo”.

Macías explicou como marcaron os limiares dos metais pesados presentes nas augas: “Había que marcar uns niveis propios que tivesen en conta as características da zona, para iso se recolleron mostras de 20 puntos diferentes”.

Finalmente, Macías estableceu como nivel máximo 2,8 mg/l na mina ao existir “unha anomalía mineral natural que provoca esa concentración” e aclara que no seu informe esixiron “unha concentración moito menor nas augas que chegan á ría, cumprindo a lexislación”.

O catedrático emérito enmarcou as accións das asociacións ambientais fóra do ámbito puramente científico e dixo que están distorsionadas por diferentes “visións do mundo” e por “intereses políticos” máis aló da seguridade da poboación á que poderían afectar as minas, chegando a etiquetalas como “pseudorelixións”, xa que entende que “son máis para os crentes que para os científicos”.

Finalmente, concluíu que ningún destes dous proxectos “terá ningún impacto se se realizan ben”, xa que afirma que os medios están dispoñibles para evitar a saída de augas ácidas ou hiperácidas dos complexos, o que os fai -na súa opinión- perfectamente compatibles co gando, os mariscos ou con calquera outro tipo de actividade no ámbito inmediato.

Audio bruto da RdP:

https://www.dropbox.com/s/c7bp5mbfwxvcoq2/Universidad%20de%20Santiago%20de%20Compostela.m4a?dl=0