Expertos analizarán os labores mineiros na Barquiña, Noia

A Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Concello de Noia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Colexio de Geólogos están a elaborar un convenio de colaboración para localizar e estudar os antigos labores mineiros da parroquia noiesa da Barquiña.
Esta iniciativa xorde a raíz do afundimento dun galpón o pasado mes de agosto, derivado da súa construción sobre as antigas galerías de mínaa Carmen. A colaboración da Administración, Cámara e Colexio materializarase nun estudo que analizará a estabilidade estrutural da zona.
O obxectivo é determinar o risco de subsidencia e a posible afección ás vivendas, instalacións e infraestruturas do barrio da Barquiña, para poder executar as medidas de protección que garantan a súa estabilidade. Dada a complexidade dos fenómenos de afundimento e subsidencia, altamente condicionados polas características xeolóxico-mineiras, xeotécnicas e climatolóxicas locais, o estudo será desenvolto por un equipo multidisciplinar de expertos, que incluirá xeólogos e xeofísicos.
Un pasado mineiro
A península de Barbanza conta cun amplo pasado mineiro debido á riqueza en mineralizacións de estaño e wolframio desta rexión. Existen vestixios do aproveitamento destes minerais por parte de romanos e fenicios, pero non foi ata finais do século XIX cando cobrou maior importancia.
Ademais das minas abertas polas empresas da época, existiron tamén pequenos aproveitamentos rudimentarios por parte de veciños e particulares. Isto deu lugar a un bo número de vestixios mineiros salpicados polas comarcas de Barbanza e Noia. Un deles é a mina subterránea Carmen, situada no barrio da Barquiña, en Noia, que foi explotada ata mediados do século XX para o aproveitamento de wolframio e estaño.