Curso: o turismo termal de Galicia en perspectiva histórica

O sector balneario presentou en España un crecemento espectacular durante os últimos anos. A medio camiño entre a saúde e o lecer, combinando de maneira maxistral a experiencia histórica coa moderna tecnoloxía, a explotación das augas mineiro-medicinais constitúe unha das actividades máis significativas do tecido produtivo galego actual.
Aínda que a riqueza medicinal dos veneros é coñecida en Galicia desde tempo inmemorial, os balnearios non alcanzaron certa relevancia empresarial ata o século XIX. A análise histórica do termalismo galego permite constatar dous feitos relevantes. Dun lado, Galicia soubo aproveitar a riqueza potencial das súas augas mineiro-medicinais, converténdose nunha das comunidades líderes tanto en número de balnearios como en visitantes dentro do conxunto español.
Doutro lado, a perspectiva de longo prazo permite definir tres grandes etapas. En primeiro lugar, atopamos as primeiras casas de baños decimonónicas, impulsadas por familias adiñeiradas, políticos ou próceres locais que seguían a moda ilustrada da época. Caracterizábanse polo seu pequeno tamaño, escasa variedade de tratamento e exigua capacidade de aloxamento.
Máis tarde, no ocaso do século XIX, chegaron os proxectos de vilas termais que necesitaron de formas societarias máis complexas e maior investimento de capital. Estas conviviron con outros pequenos balnearios que instalaron de maneira progresiva os seus pequenos hoteis e gabinetes hidroterápicos. Por último, a finais do século XX, non podemos falar dunha empresa balnearia prototipo en Galicia, pois atopamos establecementos de carácter familiar, que sobreviviron ás esixencias do mercado durante máis de dúas centurias, e grandes cadeas hostaleiras que transformaron algúns vellos balnearios en modernas instalacións termais.
Por todo iso, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo organiza o curso Revisando o pasado para reinventar o futuro: o turismo termal de Galicia en perspectiva histórica, 1800-2010, que terá lugar en Mondaríz (Pontevedra) do 13 ao 15 de setembro.