COMG-AsSombras

A COMG aporta un proxecto de musealización de As Sombras

Co obxectivo de recuperar o patrimonio mineiro de Galicia, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) está impulsando a musealización da mina de As Sombras, no concello ourensán de Lobios. Para iso, durante 2019 mantivo diversas reunións cos comuneiros de Lobios, propietarios dos terreos onde se localizan as instalacións mineiras, así como con representantes do concello.

A pesar de que a iniciativa está en fase inicial, a COMG aportou un proxecto para a adecuación dos edificios que se manteñen en pé. Aínda que o estado xeral é ruinoso, manteñen maquinaria orixinal de separación de mineral e a estrutura.

O proxecto da COMG propón actuacións na antiga planta, o edificio de transformadores, a planta moderna, o cuartel e dependencias auxiliares. A mina As Sombras, ademais do seu interese como lugar mineiro, no que se pode ver o tipo de xacemento e restos de labores e instalacións, tamén é un punto de interese xeolóxico, para poder comprender a configuración da paisaxe e observar a súa xeomorfoloxía. Pola súa proximidade ao parque portugués de Peneda Gerés e a Reserva da Biosfera do Xurés, a proposta podería incluír un aloxamento rural.

Os propietarios e o concello de Lobios recibiron de bo grado o proxecto e iniciaron os traballos para conseguir a financiación necesaria para levala a cabo, ben con iniciativas privadas, ben con fondos públicos.