juan-josé-lopez

A Cámara Oficial Mineira de Galicia elixe a Juan José López Muñoz como novo presidente

A Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), reunida onte de maneira extraordinaria por vía telemática, acordou nomear a Juan José López Muñoz como o seu novo presidente.

Mónica Rodríguez, directora xeral de Blokdegal, resultou reelixida para ocupar a Vicepresidencia Primeira. A directiva da COMG complétase coa elección de José Antonio Valencia, director xeral de Erimsa, como vicepresidente segundo.

Juan José López, que xa formaba parte da xunta directiva da COMG, é tamén presidente do Comité Innovación e Sostebilidade da entidade e membro do Grupo de Traballo de Sostibilidade de IMA Europe, a asociación europea de minerais industrias. Enxeñeiro de minas, leva 6 anos fronte á empresa Caolines de Vimianzo na Costa da Morte.

Substitúe na presidencia a José Lista Tasende, que exerceu como presidente entre 2020 e 2021.

“O sector mineiro ten que recuperar a posición central da axenda económica. Somos o soporte de moitas industrias, o que se traduce en postos de emprego, cadea de valor e desenvolvemento no rural”, explica o novo presidente da COMG, que afronta un período de importantes retos para o sector.

Entre as accións máis relevantes da entidade a curto prazo atópase a proposta de dixitalización dos Plans anuais de Labores, da documentación de xestión necesaria, dos expedientes de dereitos mineiros, así como colaborar coa Xunta de Galicia na convocatoria de novos concursos mineiros; accións todas elas ampliamente demandadas polo sector. “Outro aspecto importante é solicitar reunirnos coa Fegamp e coas Deputacións para revisar e impulsar proxectos paralizados ou en trámite nos Concellos: ampliacións de instalacións, novos proxectos, incluso proxectos de restauración… Ver de canta inversión estamos a falar e de cantos novos postos de traballo suporían se se activasen”, comenta Juan José López.

Fondos europeos de recuperación: economía circular e enerxía verde

A COMG aposta pola innovación e a investigación e opta aos fondos europeos para desenvolver varias liñas de actuación relacionadas, entre elas están “a autoxeración de enerxía limpa en todas as explotacións de Galicia, a investigación e recuperación de minerais estratéxicos para a Unión Europea, tanto en novos xacementos coma en explotacións en actividade, desenvolvemento da minaría urbana e, en definitiva, aumento da cadea de valor aquí, en Galicia”, conclúe o presidente da entidade.