Usuario Contrasinal
COMG
Usuario - - Acceso de usuarios
Lunes - 22.Octubre.2018


Ribas de Sil crea unha nova ruta para coñecer as súas minas de ouro romanas

enviar a un amigo

A intensa actividade mineira desenvolvida polo Imperio Romano en Ribas de Sil deixou unha importante pegada no seu territorio, hoxe convertida nun dos seus máis singulares recursos turísticos. Así, o Goberno municipal anunciou recentemente a ampliación dos seus percorridos xeolóxico-mineiros coa nova ruta das minas romanas de O Covallón, que estará acondicionada antes de que finalice este ano.

A senda, financiada en parte cunha axuda da Deputación de Lugo, integrarase no proxecto de parque xeolóxico Montañas de Courel, no que participa a Cámara Oficial Mineira de Galicia.

Complexo arqueolóxico

Grazas a un itinerario circular pódese coñecer un espectacular complexo arqueolóxico no que destaca O Covallón, que integra as minas ao descuberto de O Covallón, O Vogo e A Escrita, ademais da explotación subterránea coñecida como túnel de Augas Santas.

O percorrido recomendado arrinca na aldea de Lousadela para dirixirse a As Portas. Alí está indicada a primeira mina, O Vogo, onde se aprecia un corte no terreo. A senda continúa ata O Covallón, unha gran focha aberta na montaña con paredes de ata uns sesenta metros de altura. Na parte inferior aprécianse unha galería de prospección e outra de explotación, mentres que na parte superior atópanse varios pozos de prospección protexidos por peches metálicos, do mesmo xeito que a mina.

Máis adiante está a mina subterránea de Augas Santas e, a continuación, a corta da Escrita. Nesta última aprécianse abundantes restos de cantos rodados a causa do lavado do terreo en busca do ouro.

Novo descubrimento

A riqueza dos vestixios da minería do ouro en Ribas de Sil aínda garda tesouros como o dunha mina situada no lugar de Os Cófaros. Con maiores dimensións que O Covallón, aínda que de menor profundidade, esta explotación estaba xa catalogada, pero descoñecíase a súa relevancia.

En declaracións ao xornal, o concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, D. Roberto Castro, confirmaba que este vestixio non fora estudado e que non había conciencia da súa espectacularidade. Así, anunciou que, unha vez sexa examinado por expertos, tomaranse medidas similares ás de O Covallón para a súa posta en valor e integración no xeoparque de O Courel.

A comarca de Quiroga, un pasado mineiro

A comarca quiroguesa ten un amplo pasado mineiro, como testemuña tamén a presentación do libro "Terra de Quiroga. As súas xentes, os seus produtos e producións" que tivo lugar o pasado agosto en Quiroga. Trátase do segundo volume sobre a historia da localidade escrito polo párroco D. Jesús Río Ramilo, que se centra nesta ocasión en minaría da zona, entre outras actividades, e destaca a súa relevancia para a economía local.

"Este tipo de proxectos, en lugar de proporcionar rendementos ou beneficios para as industrias que os explotaban, redundaban nas empresas auxiliares, que fornecían, por exemplo, os picos ou a man de obra local", afirmou o autor nunha recente entrevista ao Progreso.

D. Jesús Río referíase así á extracción de antimonio no lugar de Vilarbacú, en activo desde finais do século XIX ata mediados do XX e sobre a que non había nada publicado, e aos intentos de explotar o ouro do Sil, tamén entre finais do XIX e comezos do XX.

Patrimonio mineiro

A recuperación e posta en valor do patrimonio xeolóxico e mineiro é unha das liñas de traballo prioritarias para a entidade cameral. Ademais de apoiar a candidatura Montañas de O Courel a xeoparque mundial da Unesco, colabora con diversos concellos mineiros na difusión do legado vinculado a esta actividade, como son os casos de Laxe ou de Lousame.

O obxectivo é a divulgación da tradición da actividade extractiva que existiu en Galicia desde as súas orixes, así como da súa potencialidade como recurso turístico unha vez finalizada a explotación.  

14/09/2018 ir arriba
COMENTARIOS
Añadir nuevo comentario como [conectarse]
0 Caracteres escritos / Restan 1000
Esta web no se hace responsable de los comentarios escritos por los usuarios. El usuario es responsable y titular de las opiniones vertidas. Si encuentra algún contenido erróneo u ofensivo, por favor, comuníquenoslo mediante el formulario de contacto para que podamos subsanarlo.
ir arriba

Novas
Información
Lexislación / Normativa
Documentación
Servizos
Actividades / Eventos
Ligazóns
Capimor, S.A.
Capimor, S.A.
Banner censo minero Queixas, suxestions, parabens

Cámara Oficial Mineira de Galicia CIF: Q1570001F Juan Flórez 33-35, entlo. esq. 15004 A Coruña - Desarrolla Luis Galán
v02.15:0.03
GestionMax
Novidades   Contacto   Política privacidade   Aviso legal   Buscador   Mapa web