Usuario Contrasinal
COMG
Usuario - - Acceso de usuarios
Jueves - 21.Junio.2018


O ex-catedrático de minas Enrique Orche e o Concello de Lousame, premios Santa Bárbara 2017

enviar a un amigo
  • Os galardóns, promovidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, entregaranse o vindeiro venres en Santiago durante a celebración da patroa da minaría

A Coruña, 28 de novembro de 2017

Enrique Orche García, ex-catedrático da ETS de Minas da Universidade de Vigo, e o concello coruñés de Lousame, onde se sitúa o Museo das minas de San Finx, mereceron os Premios Santa Bárbara 2017 nas modalidades Traxectoria e Comunicación, respectivamente. Os galardóns promovidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia serán entregados o vindeiro venres 1 de decembro, día da patroa da minaría, nun evento que reunirá toda a comunidade mineira galega en Santiago de Compostela.

A celebración prevé a asistencia á misa na catedral, coa tradicional ofrenda ao Apóstolo por parte do vicepresidente 2º da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Fernando Pla. A continuación, un amplo elenco de representantes institucionais e empresariais do sector mineiro compartirán un xantar na honra de Santa Bárbara. Como cada ano, a entrega dos premios poralle o broche á xornada festiva.

PREMIO TRAXECTORIA

Enrique Orche García é doutor enxeñeiro de Minas pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas de Madrid, ademais de técnico superior en Prevención de Riscos Laborais coa especialidade de Seguridade. Desenvolveu a súa vida profesional fundamentalmente en dous eidos. Nun primeiro período, de 1976 a 1993, exerceu de enxeñeiro xefe de Proxectos nos departamentos de Xeoloxía e Minaría da Empresa Nacional Adaro de Investigaciones Mineras.

Posteriormente, ata a súa xubilación en 2013, estivo vinculado á universidade, primeiro á ETSI de Minas de Madrid e logo á ETSE de Minas de Vigo. Nesta última obtivo a praza de catedrático na área de Prospección e Investigación Mineira do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente.

Divulgador incansable da minaría en xeral e da titulación de Enxeñaría de Minas en particular, Enrique Orche foi un dos artífices de que a primeira escola galega de Minas sexa unha realidade, propiciou a creación da Sociedade Mineralóxica Galega e foi un dos organizadores das primeiras edicións da feira de minerais, fósiles e xemas de Vigo. Ademais, participou en numerosos proxectos de enxeñaría e de investigación, impartiu cursos e seminarios e publicou diversos textos que foron utilizados como material didáctico en distintas universidades

Outro dos méritos para o galardón é o seu labor a prol da xeotermia, polo que foi nomeado socio de honra da Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega). Destaca tamén o compromiso do premiado na defensa do patrimonio xeolóxico e mineiro. Así, na actualidade é presidente honorífico dos comités científicos dos congresos da Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero (SEDPGYM), entidade da que foi socio fundador e na que ocupou os cargos de secretario xeral e de presidente.

PREMIO COMUNICACIÓN

Pola súa banda, o concello mineiro de Lousame recibirá este venres o premio Santa Bárbara de Comunicación polo “Proxecto de rehabilitación e posta en valor do patrimonio da Mina de San Finx”, que permitiu divulgar a importancia histórica do xacemento e achegarlle o sector mineiro á poboación durante os últimos dez anos.

A iniciativa dispón dunha entrada propia na web municipal (www.concellodelousame.gal) con ampla información sobre as minas, como a súa historia, testemuños de persoas que traballaron e viviron no poboado mineiro e unha completa galería de fotos. Ademais, a través deste espazo ofértanse visitas guiadas para grupos e público en xeral que están a ter moi boa acollida.

O proxecto de rehabilitación arrincou en 2007, cando o Pleno do Concello acordou aceptar a cesión feita polo propietario dos terreos e instalacións da mina de San Finx. Nunha primeira fase realizouse a mellora de accesos e a restauración e acondicionamento da antiga escola como museo e centro de interpretación. Xa en 2010, a través dun obradoiro de emprego, rehabilitáronse os edificios do taller e casa de máquinas. Realizáronse tamén labores de limpeza da contorna e recuperación doutros edificios, como o cuartel vello, convertido hoxe en cafetería e restaurante.

Na terceira fase do proxecto figura a actuación máis ambiciosa, coa adecuación dun tramo de galería subterránea para a súa apertura ao público. Esta última intervención será o cumio da iniciativa e converterá as Minas de San Finx nun referente mundial do patrimonio industrial e mineiro, de interese xeolóxico e do turismo.  

28/11/2017 ir arriba
COMENTARIOS
Añadir nuevo comentario como [conectarse]
0 Caracteres escritos / Restan 1000
Esta web no se hace responsable de los comentarios escritos por los usuarios. El usuario es responsable y titular de las opiniones vertidas. Si encuentra algún contenido erróneo u ofensivo, por favor, comuníquenoslo mediante el formulario de contacto para que podamos subsanarlo.
ir arriba

Novas
Información
Lexislación / Normativa
Documentación
Servizos
Actividades / Eventos
Ligazóns
Asociación Galega de Graniteiros
Asociación Galega de Graniteiros
Banner censo minero Queixas, suxestions, parabens

Cámara Oficial Mineira de Galicia CIF: Q1570001F Juan Flórez 33-35, entlo. esq. 15004 A Coruña - Desarrolla Luis Galán
v02.15:0.02
GestionMax
Novidades   Contacto   Política privacidade   Aviso legal   Buscador   Mapa web