Usuario Contrasinal
COMG
Usuario - - Acceso de usuarios
Domingo - 25.Febrero.2018


O director da COMG protagoniza a entrevista da revista ECO

enviar a un amigo

ECO Revista do Eixo Atlántico dedica a entrevista do seu número de xaneiro ao director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, D. Diego López. A través de cinco páxinas, a publicación ofrece un percorrido polos temas de máis actualidade da minaría galega, baixo a análise do organismo que representa o sector extractivo do país.

“A minaría está ligada á nosa idiosincrasia como pobo, dende as augas termais ata as rochas coas que demos forma ao patrimonio”. Esta contundente afirmación de D. Diego López é o titular elixido para a entrevista. Na entradiña tamén se destacan dous retos do sector sinalados polo director: ser visto sen prexuízos e recuperar o emprego perdido coa axuda da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais de Galicia.

O diálogo arrinca cun controvertido tema de actualidade: a posible reapertura da actividade mineira en Touro e O Pino. A este respecto, D. Diego López critica a xeración de alarma social antes de que se avalíe o proxecto e se emitan os correspondentes informes técnicos, por parte dos órganos competentes, e sinala a avaliación ambiental como instrumento para determinar a viabilidade ambiental dun proxecto.

O director nega riscos nas augas subterráneas “se se fan ben as cousas” e destaca os exemplos de restauración das Pontes e Meirama que, neste último caso, mesmo vai permitir o abastecemento de auga potable á comarca da Coruña. D. Diego López apunta tamén os datos do Ministerio de Medio Ambiente que sitúan a minaría como unha das actividades que menos CO2 achega e menos contamina as augas. Ademais, insiste na existencia de garantías financeiras obrigatorias para a cobertura dos riscos que se poidan xerar.

Ante a pregunta de por que se xera tanta polémica coa actividade, o director teno claro: “somos tremendamente descoñecidos”. “A maior parte da poboación asocia a minaría coa do carbón, inexistente en Galicia, ou coa explotación incontrolada de países terceiromundistas”, engade. D. Diego López nega esta realidade e sinala os Estados Unidos, Canadá, Australia e a Unión Europea como principais produtores, cos “máximos estándares en protección ambiental e seguridade laboral”.

Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais

Outro dos temas abordados na entrevista é a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais de Galicia, da que a Cámara Oficial Mineira de Galicia espera “a dinamización do sector cun crecemento do 23%, o que suporía 830 novos empregos, ademais de desafectar do dominio público mineiro máis de 215.000 hectáreas”.

Canto ao tempo de tramitación dos expedientes por parte da Xunta, D. Diego López sinala os máis de cinco anos de media dende a solicitude ata a resolución. “Imaxina o que supón para unha peme”, afirma, e, referíndose á nova lei, engade “así que esperamos que reduza considerablemente o tempo”.

Emprego de calidade

A entrevista pon de manifesto a importancia da minaría para evitar o despoboamento, xerando traballo de calidade. “Os xacementos están onde os creou a natureza e a práctica totalidade sitúanse no rural”, indica D. Diego López, quen resalta o labor da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo na formación de profesionais “capaces de dirixir proxectos compatibles co medio e integrados no territorio” e o relevante peso das pemes galegas no sector, titulares de máis do 90% dos dereitos mineiros en Galicia.

Ao falar dos diversos recursos mineiros presentes en Galicia, moitos deles líderes en diversos mercados, como a lousa, o seixo ou as augas termais, o director aproveita para destacar o potencial mineiro galego aínda non posto en valor. Neste sentido, refírese á existencia de indicios, recursos ou reservas de sete dos vinte minerais considerados críticos pola Unión Europea, dada a súa importancia e dificultade de abastecemento. Destes sete, “só tres están en explotación”, sinala.

Na entrevista tamén se abordan as posibilidades de aproveitamento da xeotermia, unha “enerxía limpa e de probada eficiencia”, para a que a xeoloxía galega é favorable, segundo D. Diego López.

Patrimonio mineiro

Así mesmo, destácase a importancia do patrimonio mineiro, do que, en palabras do director, “a nosa longa historia mineira deixou numerosos vestixios” e cita a selección de 98 elementos feita polo Instituto Geológico y Minero de España.

A entrevista remata cunha reflexión sobre a imaxe do sector, na que D. Diego López manifesta o seu desexo de que se produza un cambio. Para o director, todos os profesionais que forman parte da comunidade mineira deben facer un esforzo “en contrarrestar a mala imaxe xerada por accidentes de hai 30 anos ou noutros continentes”. “Como en calquera actividade humana pode haber erros, pero son moitísimos máis os éxitos”, sentencia.

20/01/2018 ir arriba
COMENTARIOS
Añadir nuevo comentario como [conectarse]
0 Caracteres escritos / Restan 1000
Esta web no se hace responsable de los comentarios escritos por los usuarios. El usuario es responsable y titular de las opiniones vertidas. Si encuentra algún contenido erróneo u ofensivo, por favor, comuníquenoslo mediante el formulario de contacto para que podamos subsanarlo.
ir arriba

Novas
Información
Lexislación / Normativa
Documentación
Servizos
Actividades / Eventos
Ligazóns
Erimsa
Erimsa
Queixas, suxestions, parabens Banner censo minero

Cámara Oficial Mineira de Galicia CIF: Q1570001F Juan Flórez 33-35, entlo. esq. 15004 A Coruña - Desarrolla Luis Galán
v02.14:0.05
GestionMax
Novidades   Contacto   Política privacidade   Aviso legal   Buscador   Mapa web