Usuario Contrasinal
COMG
Usuario - - Acceso de usuarios
Martes - 11.Diciembre.2018


A nova lei de implantación empresarial está a ter boa acollida no sector mineiro, segundo a COMG

enviar a un amigo

O director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, D. Diego López, destacou a boa acollida da nova Lei de implantación empresarial no sector mineiro galego, así como as vantaxes da norma para o desenvolvemento económico e empresarial. Así o fixo na entrevista emitida o pasado outubro pola emisora de radio Onda Cero Galicia no marco do programa Efecto Nova, que centra os seus contidos nas iniciativas empresariais e na innovación tecnolóxica, entre outros aspectos.

D. Diego López insistiu en que as críticas de certos colectivos á Lei de implantación empresarial na que está a traballar a Xunta non se axustan ao contido. “É certo que axiliza a tramitación no outorgamento de dereitos mineiros, pero hai que ter en conta cal é a realidade do sector en Galicia”. A este respecto, o director da COMG sinalou que a mediana de tramitación dun dereito mineiro supera os sete anos, algo “inasumible para as PEMES” que representan o 97% dos titulares.

Á pregunta de se a nova norma contribuirá a combater a fuga de empresas, por exemplo ao norte de Portugal, D. Diego López afirmou que a axilización dos trámites si axudará neste obxectivo, pero quixo resaltar ante todo que se trata dunha lei “tremendamente garantista co medio e cos propietarios dos terreos”. Segundo explicou, a norma vai permitir “a desafección de antigos dereitos de escaso interese que non se están investigando nin explotando”.

Maior integración territorial e ambiental

Asemade, para a Cámara Oficial Mineira de Galicia, a lei tamén “potencia a integración territorial e ambiental das explotacións”. D. Diego López indicou que a anterior norma establecía informes preceptivos das administracións local, ambiental, urbanística e agraria, aos que se lles suman agora os dos órganos competentes en dominio público hidráulico, dominio público marítimo-terrestre e en patrimonio cultural.

“Trátase de unir informes de todas as administracións e os sectores que se poidan ver afectados polo desenvolvemento dunha explotación, o que redundará nunha maior seguridade xurídica para os explotadores e na mellora da compatibilidade ambiental”, afirmou.

Canto á crítica de que a Lei de implantación empresarial supoña vía libre a que firmas foráneas exploten recursos enerxéticos, o director da COMG foi tallante: a norma nin resta nin achega novidade ningunha. “Nin a lei de minas de Galicia nin a estatal limitan a entrada de empresas foráneas” e “do mesmo xeito que explotadores galegos traballan en Brasil, Mozambique ou Angola pode haber empresas estranxeiras interesadas en explotacións galegas”, sentenciou.

Preguntado por se a nova norma lle abriría a porta á explotación mineira de Corcoesto, D. Diego López respondeu que as condicións de viabilidade técnica e económica empresarial que impediron a posta en marcha deste proxecto non se alteran coa Lei que se quere aprobar.

Efecto tractor da minaría galega

A entrevista en Onda Cero Galicia serviu tamén para poñer de manifesto a relevancia do sector mineiro galego. Así por parte da Cámara Oficial Mineira de Galicia sinalouse que a actividade extractiva representa o 1,05% do PIB e destacou especialmente o “efecto tractor da minaría”, xa que os “produtos que xeramos traen industria transformadora, como acontece coa lousa e o granito ornamental”.

Asemade, abordouse a importancia da I+D+i, que, segundo explicou D. Diego López, na minaría tamén se asocia aos avances tecnolóxicos. Neste sentido, puxo como exemplo o incremento do 200% no uso dos minerais metálicos nos últimos trinta anos, debido á demanda tecnolóxica. E referiuse ao informe elaborado pola Comisión Europea en 2008, no que facía unha previsión para 2030 dun aumento do 475% na demanda de metais coma o cobre ou titanio, entre outros.

A afección da crise ao sector mineiro foi outro dos temas tratados. O director da COMG apuntou que o sector sufriu moito, cun descenso na media de produción desde 2007 superior ao 60% e en torno ao 80% nos subsectores máis afectados, como áridos ou cerámica. “Loxicamente coa crise da construción, un sector no que o 88% da produción son materiais para construción segue sufrindo e moito”. “Aínda que semella que se está empezando a recuperar lixeiramente”, engadiu.

Potencia en minerais críticos

Por outra banda, continuou, “Galicia ten potencial de aproveitamento doutros materiais que non se están aproveitando ou se aproveitan pouco”. Citou novamente o informe europeo de 2008, que fai análise da dependencia da industria europea no acceso ás materias primas e conclúe que aproximadamente o 70% da industria europea “depende do acceso a certos minerais”.

Segundo indicou D. Diego López, estariamos falando de “30 millóns de empregos e 1,3 billóns de valor bruto anual”. Outra conclusión é que hai “20 materias primas ou minerais críticos pola súa dificultade de abastecemento e alta importancia para o desenvolvemento de Europa”. Destes 20 minerais, o director afirmou que en Galicia “temos sete, con reservas calculadas, recursos atopados ou indicios”.

Finalmente, na entrevista falouse tamén da campaña “Sen minaría non hai nada”, na que participa a Cámara Oficial Mineira de Galicia. O director destacou a relevancia da iniciativa dado que a actividade extractiva é aínda descoñecida e se asocia á minaría subterránea, sobre todo do carbón, o que non se corresponden coa realidade en Galicia. Aquí “estamos falando dunha minaría asociada aos materiais de construción, a ceo aberto, con traballadores cualificados que operan con maquinaria pesada e que en certas fases está moi automatizada”. 

02/11/2017 ir arriba
COMENTARIOS
Añadir nuevo comentario como [conectarse]
0 Caracteres escritos / Restan 1000
Esta web no se hace responsable de los comentarios escritos por los usuarios. El usuario es responsable y titular de las opiniones vertidas. Si encuentra algún contenido erróneo u ofensivo, por favor, comuníquenoslo mediante el formulario de contacto para que podamos subsanarlo.
ir arriba

Novas
Información
Lexislación / Normativa
Documentación
Servizos
Actividades / Eventos
Ligazóns
Rodabell Maquinaria S.L.
Rodabell Maquinaria S.L.
Banner censo minero Queixas, suxestions, parabens

Cámara Oficial Mineira de Galicia CIF: Q1570001F Juan Flórez 33-35, entlo. esq. 15004 A Coruña - Desarrolla Luis Galán
v02.15:0.02
GestionMax
Novidades   Contacto   Política privacidade   Aviso legal   Buscador   Mapa web