Usuario Contrasinal
COMG
Usuario - - Acceso de usuarios
Miércoles - 15.Agosto.2018


A Cámara participou no encontro internacional Quarries Alive 2018

enviar a un amigo

A Cámara Oficial Mineira de Galicia participou no encontro internacional Quarries Alive 2018, desenvolvido o pasado maio na cidade portuguesa de Évora, coa presentación de de dous pósteres titulados “Restauracións mineiras en Galicia: unha análise xeral” e “Exemplos de restauracións mineiras baseadas na auga en Galicia”.

Na análise xeral sinálanse restauracións galegas que optaron por diversos usos a prol da integración territorial e social de antigos espazos mineiros. Así, figuran a mina de San Finx, en Lousame, que apostou pola recuperación e posta en valor do patrimonio industrial e Urxeira, de Áridos do Mendo, en Salvaterra do Miño, onde se creou solo industrial que, ademais, permite a observación de diversas especies de aves.

Neste marco de acción tamén se destacan as explotacións restauradas de Erimsa en Mesía, de Cuarzos Industriales en Mañón e de Porriñesa de Canteras no Porriño, que a través da revexetación e reforestación favoreceron a integración paisaxística e o valor ambiental. Cítanse ademais os parques de Santa Margarita, na Coruña, e de Montealegre, en Ourense, creados sobre antigas canteiras, así como a actuación da Xunta de Galicia para a protección das colonias de morcegos nas galerías de antigas minas subterráneas situadas na Fonsagrada, Pobra de Brollón e Cotobade.

Por outra banda, nos exemplos de restauracións mineiras baseadas na auga deféndese a creación de zonas húmidas nos ocos mineiros unha vez rematada a explotación, xa que potencian a biodiversidade ao tempo que lle facilitan recursos hídricos á sociedade para o seu uso agrícola, industrial ou de abastecemento. Neste sentido, expóñense os casos galegos das minas de Endesa nas Pontes, de Lignitos de Meirama en Cerceda e de Erimsa en Begonte. Aparecen tamén as areeiras da Limia, a canteira do Catorce en Catoira, Mina Mercedes en Valga e as Brañas de Valga en Mesía.

Xuntanza interdisciplinar

Quarries Alive é unha xuntanza interdisciplinar para intercambiar experiencias de proxectos de investigación científica, enfoques de enxeñaría técnica e estudos piloto innovadores centrados no fortalecemento da biodiversidade en explotacións mineiras. Baixo a lenda “Fomentando a biodiversidade e os servizos ecosistémicos en canteiras. Retos, estratexias e exemplos prácticos", nesta edición xuntou máis dun cento de persoas de países dos cinco continentes co obxectivo central de poñer en marcha proxectos de restauración en todo o mundo.

Nas conclusións do encontro púxose de manifesto a importancia de realizar proxectos de restauración mineira que inclúan medidas para o fomento da biodiversidade, como a potenciación da vexetación nativa, a correcta xestión da auga e o mantemento dos solos fértiles. Ademais, destacouse a necesidade de ter en conta as directrices europeas para a correcta realización dos plans de explotación e de restauración mineira, así como de dispoñer dos medios necesarios para un correcto seguimento das accións.

Infraestrutura verde

Entre as intervencións cómpre sinalar a do director de Natural Capital na Comisión Europea, D. Humberto Rosa, quen abordou o papel das canteiras restauradas na infraestrutura verde europea. O experto subliñou que a infraestrutura verde pode contribuír de xeito significativo á consecución de moitos dos obxectivos políticos da Unión Europea e apostou por que os proxectos de restauración mineira sexan propostos como elementos dentro desta rede de zonas naturais e seminaturais.

Nesta liña, hai que subliñar que nas propostas da Comisión Europea sobre o Fondo de Cohesión e sobre o Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) xa se alude de xeito específico á infraestrutura verde como unha das prioridades de investimento. Recoñécese así o seu papel como factor que contribúe á política rexional e ao crecemento sustentable e intelixente de Europa.

04/05/2018 ir arriba
COMENTARIOS
Añadir nuevo comentario como [conectarse]
0 Caracteres escritos / Restan 1000
Esta web no se hace responsable de los comentarios escritos por los usuarios. El usuario es responsable y titular de las opiniones vertidas. Si encuentra algún contenido erróneo u ofensivo, por favor, comuníquenoslo mediante el formulario de contacto para que podamos subsanarlo.
ir arriba

Novas
Información
Lexislación / Normativa
Documentación
Servizos
Actividades / Eventos
Ligazóns
Iberoitaliana de Pizarras, S.A. - IPISA
Iberoitaliana de Pizarras, S.A. - IPISA
Banner censo minero Queixas, suxestions, parabens

Cámara Oficial Mineira de Galicia CIF: Q1570001F Juan Flórez 33-35, entlo. esq. 15004 A Coruña - Desarrolla Luis Galán
v02.15:0.01
GestionMax
Novidades   Contacto   Política privacidade   Aviso legal   Buscador   Mapa web